A principal desvantaxe de medicación vía inhalatoria é a dificultade de administrala correctamente.´Existe un elevado risco de incumprimento terapéutico asociado a este tipo de tratamento. Polo que se recomenda seleccionar o dispositivo en base ás características do paciente e non ao revés. (Nivel I)
A clasificación de intervencións de enfermería (NIC) determina que a administración de medicación inhalada require polo menos 15 min.
Existen un gran número de inhaladores no mercado, cada un coas súas particularidades de uso; neste procedemento tratamos os pasos fundamentais pero é imprescindible seguir as instrucións do fabricante de cada inhalador.
É importante gardar sempre os inhaladores coa tapa colocada para que non entren na boquilla partículas de pó.
O enxaugue da boca despois de tomar a dose correspondente é fundamental, sobre todo no caso de corticoides inhalados; este enxaugue minimiza o risco de micose oral.
A principal vantaxe do ICP é o baixo fluxo respiratorio (20-30 l/min) que precisa polo que pode ser empregado en crises de broncoespasmo.
Os ICP son multidose e poden empregarse con cámara espaciadora.
Os ICP que conteñen formoterol deben manterse en frío (0-4ºC) ata que se usen por primeira vez. Antes de administralo hai que esperar ata que acade a tª ambiente. Durante o seu uso poden conservarse fóra da neveira ata un máximo de 3 meses. (Nivel V).
Os IPS son activados pola inspiración do paciente polo que precisan un fluxo inspiratorio de entre 30-60l/min.
Nos IPS o fármaco está nunhas cápsulas no interior do dispositivo; para liberalo a cápsula introdúcese nun oco ao efecto e ao pechar perfórase e xa se pode inhalar o fármaco. Non voltear o dispositivo unha vez perforada a cápsula para que non caia o pó.
A inspiración rápida necesaria nestes dispositivos dá lugar a un movemento da cápsula do pó que fai un ruído característico, o cal lle indica ao paciente que a manobra se fixo correctamente.
Os IPS nunca deben limparse con auga porque se queda humidade no sistema pode apelmazar o pó do fármaco.
A principal vantaxe é que a técnica resulta máis sinxela ca outras e a percepción da inhalación é agradable (sabor doce). Entre as desvantaxes está que non se poden acoplar ás cámaras e que son moi pequenos e de difícil manexo para persoas con dificultades de movemento nas mans.
As vantaxes dos IVS son a súa técnica máis sinxela ca os ICP, que ten un contador de doses restantes (cando se acaban o sistema queda bloqueado de maneira que non é posible facer novas inhalacións sen fármaco), que se pode acoplar a cámaras e se non se fai o xiro correcto é imposible inhalar. Como inconveniente sinalamos que o cartucho coa medicación non ven no dispositivo e hai que cargalo, o que pode resultar complicado para pacientes de idade avanzada.
No caso das cámaras espaciadoras, a principal vantaxe é que non é necesario coordinar a inhalación coa activación do inhalador, xa que se pode activar e realizar varios ciclos respiratorios completos dentro da cámara polo que son idóneas para persoas incapaces desta coordinación como nenos, anciáns ou persoas con demencia. Tamén diminúen o impacto farínxeo.
As cámaras actuais tamén teñen unha válvula unidireccional que fai que o fármaco absorbido dende o interior da cámara non se pode exhalar de volta.
A súa principal desvantaxe é a alta electricidade estática que xeran polo que non se recomenda frotalas durante a limpeza e o secado. Lavar sempre por inmersión en auga morna con xabón neutro e deixar escorrer e secar ao aire(Nivel I).
As cámaras espaciadoras deben ser polo menos de 100-700 ml de volume e ter unha distancia de 10-13 cm entre a boquilla do inhalador e a boca do paciente. (Nivel I).
O uso de nebulizadores tipo jet con osíxeno a alto fluxo en pacientes con patoloxía respiratoria crónica hipercápnica pode producir desaturación de osíxeno.
En pacientes que precisan ventilación mecánica é posible administrar medicación inhalada con ICP ou nebulizadores empregando adaptadores. Recoméndase os ICP fronte ás nebulizacións. (Nivel V). Recoméndase o uso de cámaras espaciadoras adaptadas á liña inspiratoria xa que esta técnica é máis efectiva que a aplicación directa no tubo endotraqueal. Debemos sincronizar o pulsación coa fase inspiratoria do respirador.
No caso das nebulizacións non hai un consenso firme, empregándose como norma xeral conexións en T.
En pacientes con traqueostomía, as nebulizacións poden administrarse por dous sistemas, cunha máscara colocada directamente sobre o estoma ou cunha peza en T cunha conexión para o paciente. É mellor esta última porque a medicación adminístrase directamente na cánula de traqueostomía. Os ICP adminístranse mediante unha cámara espaciadora conectada ao paciente cunha peza en T. (Nivel V).
En pediatría este tipo de terapia debe administrarse con cámaras espaciadoras, restrinxindo o emprego de nebulizacións. A administración é máis efectiva cando o neno está tranquilo, inhala menos se está chorando. Debido a que os nenos inhalan polo nariz, é posible administrar un fármaco con cámara espaciadora e máscara aínda que o neno teña posto o chupete. (Nivel I).