Mantemento da sonda nasogástrica
Manter sempre incorporada a cabeceira da cama 30-40º.
Realizar lavado de mans sempre antes e despois da manipulación da sonda.
A) Coidados da sonda:
1. Comprobar a posición correcta da sonda (verificar a marca da medición NOX e/ou medir a lonxitude externa da sonda e comprobar coincidencia co rexistrado na historia clínica) cada 24 horas e ademais:
• Polo menos una vez por quenda no caso de alimentación continua.
• Previamente á administración de alimentación por bolo e/ou administración de medicamentos.
• Se o paciente se queixa de molestias ou refluxo de alimento na boca.
• Despois de vómitos ou arcadas violentas.
• Despois de graves ataques de tose/dificultade respiratoria.
• Despois de aspiración do tubo endotraqueal ou traqueotomía.
• Se a sonda se desprazou nos traslados ou na recepción do paciente.
2. Cambiar diariamente o punto de fixación no nariz e rotar a sonda para evitar lesións por decúbito tanto na fosa nasal como na mucosa gástrica, extraendo a sonda con movementos rotatorios uns 2-3 cm e introducila novamente ata a marca sinalada.
3. Manter a permeabilidade da sonda:
A. Lavar a sonda como mínimo con 30-50 ml de auga:
- Despois da administración dun bolo de alimentación enteral
- Antes e despois da administración de fármacos
- Cada 4-6 horas en pacientes con nutrición enteral continua
B. Empregar presentacións líquidas de fármacos (solucións, xaropes, etc). Se o fármaco non está dispoñible nunha presentación líquida, valorar a posibilidade de disolver e/ou triturar o fármaco ata convertelo en po fino. Consultar co Servizo de Farmacia sobre a posibilidade de manipular fármacos para a súa administración por sonda, asegurarse de que é unha presentación que se pode machucar. Se non se dispón dunha presentación axeitada para a administración por sonda, considerar o uso de outra vía.
C. Non mesturar nunca a medicación cos alimentos; non mesturar nunca na xiringa varios medicamentos; pasar 20-30 ml de auga despois de cada medicamento.
D. No caso de realizar comprobación do contido gástrico residual, aspirar de forma suave e coidadosa, a presión excesiva fai que a sonda poida obstruírse.
E. Se a sonda se oclúe, inxecte 5 ml de auga morna e peche a sonda durante 5 minutos. A continuación lave con auga e repita o procedemento ata desobstruír a sonda. Se continúa obstruída, valore repetir o mesmo procedemento ou utilice unha solución de enzima pancreática, no caso de ser prescrita.
F. Se persiste a oclusión, cambie a sonda.
4. Lavar por fóra diariamente con auga morna e limpar calquera resto que quedase adherido á parte externa da sonda.
5. Cambiar periodicamente a sonda en función do material empregado, seguindo as indicacións do fabricante.
B) Coidados do paciente:
1. Realizar hixiene de mans e colocar luvas non estériles.
2. Realizar limpeza nasal (cunha gasa humedecida en soro fisiolóxico).
3. Realizar ou axudar ao paciente na hixiene bucal 3 veces ao día e lubricar labios. Pódese realizar cepillado dental, salvo situacións que o impidan.
4. Acomodar ao paciente.
5. Recoller o material empregado.
6. Retirar as luvas e realizar a hixiene de mans (lavado de mans rutineiro, segundo o procedemento).