Para ter en conta. Adm. medicación SC.

0 comentarios comentarios

Para ter en conta. Adm. medicación SC.

.

 

  • As zonas de inxección subcutánea máis frecuentes son os brazos (zona superior e anterior), abdome (deixando 5 cm ao redor do embigo), rexión escapular, glúteos e lateral das coxas. No caso da administración continua a zona de elección será a rexión infraclavicular.
  • Nalgunhas inxeccións subcutáneas xa cargadas non é necesario purgar o aire que presenta a xeringa; ese mesmo aire serve como tapón para que non reflúa a medicación.
  • Medicacións que necesiten almacenarse no frigorífico para a súa conservación (vacinas), o lugar idóneo dentro do frigorífico é no centro, non pegado ás paredes xa que se conxelan e modifican as propiedades do fármaco.
  • Cando se administren heparinas de baixo peso molecular precargadas, administraranse na zona abdominal (zona de preferencia), coxas e brazos; non se purga, non se aspira e non se masaxea para evitar a aparición de hematomas.
  • De maneira excepcional, en pacientes anticoagulados, faremos unha lixeira presión sobre a zona tras a inxección para evitar sangrados.
  • Na administración de medicación citotóxica non purgar a agulla da inxección coa finalidade de previr complicacións locais (ao penetrar a agulla pode provocar irritación por contacto directo do citostático con outros tecidos próximos cos que teña contacto).
  • Asegurar a rotación das zonas de punción para evitar lesións no tecido subcutáneo que poden dificultar a acción do tratamento; se é unha medicación de frecuencia moderada deixaremos rexistrada a rotación para ter en conta nas sucesivas administracións. Recoméndase deseñar un sistema propio para facer a rotación das zonas de inxección que axuden a cambiar a zona anatómica de maneira rutineira.
  • Para unha absorción consistente e para minimizar as complicacións cutáneas, recoméndase seguir un patrón de rotación da zona de inxección dentro dunha zona anatómica. No caso de insulina, aplicar a inxección na coxa só no caso de que non sexa posible na zona abdominal.
  • O tecido adiposo está moi pouco vascularizado con respecto ao tecido intramuscular.
  • A elección da zona dependerá tamén da velocidade necesaria de absorción; elixiremos o abdome para absorcións máis rápidas como é o caso de insulinas de acción rápida ou ultrarrápida e as nádegas para unha absorción máis lenta como é o caso de insulinas de acción lenta para garantir a duración (lantus, levemir, abasaglar, tresiba, etc.).
  • Se for preciso, educar o paciente e a familia/coidador na técnica da inxección, conservación e transporte do medicamento.
  • As contraindicacións máis comúns da vía subcutánea son coagulopatías, mala perfusión do tecido celular, infeccións no punto de inserción e edema xeneralizado. Tamén están contraindicados pola vía subcutánea as solucións hipertónicas (risco de necrose) e os medicamentos liposolubles (corticoides...) xa que poden provocar una reacción irritante na pel e porque son acumulativos.
  • Na hidratación subcutánea (hipodermóclise) o volume máximo que se administre será de 500 ml a 1500 ml cada 24 horas.
  • Se o paciente está moi caquético, cando o volume para infundir é importante recoméndase introducir a “bolboreta” co bisel cara abaixo. (Grado C)
  • Na administración continua ou en bolos pódese manter a “bolboreta” ata 7 días se non xorden complicacións (dor, induración, hemorraxia, eritema ou infección). É fundamental vixiar o lugar de punción.
  • En pacientes con bomba de insulina (ISCI) debe cambiarse o catéter e a zona de inxección cada tres días para que a zona non se sature e a absorción de insulina sexa a correcta.
  • Substituír o apósito da zona de inserción do catéter se está húmido, frouxo ou visiblemente sucio.
  • Observar a zona de inserción do catéter diariamente, co fin de comprobar a sensibilidade.
  • Detectar signos de infección local (eritema, edema, calor, rubor....)
  • Tras a administración de medicación citotóxica temos que vixiar o doente polo menos os primeiros 30 minutos.
  • Os catéteres utilizados na vía subcutánea non precisan heparinización.
  • En caso de administración de insulinas, cargar en primeiro lugar a insulina rápida e despois a lenta, rotar a diario as zonas de inxección.
  • As plumas de insulina son de uso individual, verificaremos sempre que a pluma corresponde ao paciente correcto.
  • Na utilización de infusorios cando a medicación que se vai administrar é fotosensible haberá que poñer medidas de protección necesarias.
  • Hai que ter en conta que situacións especiais tales como febre, mala perfusión periférica, etc. poden alterar a duración da medicación do infusor.
  • A perfusión subcutánea continua permite administrar volumes totais maiores, mantén concentracións plasmáticas uniformes, evita manipulacións e presenta maior comodidade para o paciente e para o equipo sanitario.
  • A administración subcutánea en bolos é mais sinxela, máis útil en situacións de necesidade de control sintomático rápido, está limitada a pequenos volumes, xeralmente menores de 3 ml.

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde