Procedemento. ECG

0 comentarios comentarios

Procedemento. ECG

 

  1. Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
  2. Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.
  3. Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que se vai realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible, recalcando a súa utilidade, usando unha linguaxe comprensible e resolvendo as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos explicarlle o procedemento aos pais.
  4. Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
  5. Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
  6. Preparar o electrocardiógrafo. Comprobar que os axustes son os correctos (25 mm/sg e 10 mm/mv) e que a batería estea cargada.
  7. Realizar o lavado hixiénico das mans ou hixienización con solución hidroalcohólica. (A1)
  8. Colocar o paciente na cama ou na padiola en decúbito supino de maneira relaxada.
  9. Pedirlle ao paciente que descubra o tórax, os maléolos e os antebrazos. Brazos pegados ao corpo pero verificando que os pulsos non toquen a cintura e os pés non toquen a cama. Respirar normal e non falar durante a proba.
  10. Retirar todo o material metálico que poida interferir electricamente, como reloxos, cadeas etc.
  11. Poñer luvas non estériles, só no caso estrictamente necesario. O contacto con pel íntegra non está nas recomendacións da OMS para uso de luvas (IB).
  12. En caso de que o paciente teña moito pelo,recortar para facilitar a fixación dos eléctrodos. Se tivese restos de locións corporais, limpalas e esperar a que seque.
  13. Ao finalizar o rasurado, desbotar a máquina de afeitar no contedor de material punzante.
  14. Cubrir o paciente cunha saba, desde os xeonllos ata a altura do sétimo espazo intercostal.
  15. Comprobar que a pel estea limpa, seca e sen graxa e, se é preciso, limpar a zona anterior do pulso e ambas as zonas maleolares.
  16. Colocar catro eléctrodos na cara interna do pulso e nas rexións pretibial maleolares. Farase sempre sobre superficies carnosas e evitaranse as prominencias óseas ou as áreas con abundante peluxe; neste último caso, habería que rasurar.
  17. As zonas de contacto das pinzas dos membros deben estar impregnadas de pasta condutora ou de alcohol.
  18. Conexión aos eléctrodos de cores universais:
    RA ou vermello: pulso dereito
    LA ou amarelo: pulso esquerdo
    LL ou verde: nocello esquerdo
    RL ou negro: nocello dereito
  19. Conectar os cables precordiais aos eléctrodos.
  20. Para as derivacións precordiais, colocar os eléctrodos de acordo coa seguinte orde universal ou estándar:
    V1: 4.º espazo intercostal ao lado dereito do esterno.
    V2: 4.º espazo intercostal ao lado esquerdo do esterno.
    V3: punto medio entre V2-V4.
    V4: 5.º espazo intercostal á altura da liña media clavicular.
    V5: liña axilar anterior esquerda á mesma altura de V4.
    V6: liña media axilar esquerda á mesma altura de V4 e V5.
     
  21. En caso de que o paciente repouse sobre unha cama eléctrica, desenchufala da rede.
  22. Acender o electrocardiógrafo
  23. Seleccionar a velocidade estándar (25 mm/seg) e a voltaxe a 1 mv (10 mm/mv).
  24. Unha vez obtido o trazado do ECG, debe continuar o rexistro durante un tempo adicional suficiente para detectar tanto posibles alteracións da repolarización coma alteracións do ritmo e trastornos da condución. O tempo de monitorización dependerá sempre das indicacións médicas.
  25. Observar a calidade do trazado e, se a calidade non é a adecuada, repetir o trazado correspondente.
  26. Identificar o ECG, co nome completo do paciente, a hora e a data de realización e unha toma de TA e se houbo un episodio de dor torácica durante a súa realización.
  27. Finalizado o trazado, apágase o electrocardiógrafo.
  28. Desconectar, recoller e limpar o material con especial coidado en pacientes illados.
  29. Realizar a hixiene das mans (IA). O uso de luvas non evita a necesidade de realizar hixiene de mans. (IB)
  30. Axudarlle ao paciente a vestirse, se é necesario, ou indicarlle que o faga, e deixalo nunha posición cómoda.

  CONSIDERACIÓNS. DERIVACIÓNS ADICIONAIS

  • Derivacións precordiais dereitas (no caso de pacientes con dextrocardia ou con sospeita de infarto de ventrículo dereito). Intercámbianse V1 e V2. De V3 a V8 noméanse engadindo un R. Colócanse no lado dereito do tórax na posición correspondente ás súas equivalentes no lado esquerdo.

 

  • Derivacións posteriores esquerdas e dereitas (pacientes con sospeita de infarto de ventrículo esquerdo extenso ou posterior).
    V7: 5º espazo intercostal esquerdo,liña axilar posterior.
    V8: 5º espazo intercostal, liña escapular media.
    V9: 5º espazo intercostal esquerdo, liña paravertebral.
    Primeiro faremos o ECG estándar e despois colocaremos tres eléctrodos (V7, V8 e V9). Logo desconectamos os látegos correspondentes a V1, V2 e V3, que xa temos rexistrados, aos eléctrodos que colocamos en V7, V8 e V9.

 



 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
  •  
  •  
  •  
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde