Definicións. Manexo da Pulsioximetría

..

Hemoglobina- heteroproteína representada coa abreviatura Hb, presente nas hemacias. É a molécula encargada de transportar o osíxeno polo torrente circulatorio ata os diferentes tecidos do organismo. Ten un peso molecular de 68000 g/mol. Estruturalmente está formada por catro cadeas de globina, cada unha delas unida a un grupo hemo, o que contén pola súa vez un átomo de ferro, que se pode unir de xeito reversible a dúas moléculas de osíxeno.
 
Hipercapnia– presenza de dióxido de carbono no sangue por riba das cifras consideradas normais.
 
Hipoxemia– diminución da osixenación do sangue, caracterizada polas cifras de presión parcial de osíxeno sanguíneo por debaixo das consideradas normais.
 
Pulsioximetría- método non invasivo para a vixilancia continuada do estado de osixenación do paciente mediante a determinación da saturación de osíxeno na hemoglobina en sangue arterial. Para levar a cabo esta técnica úsanse dous emisores de luz e un receptor colocados a través dun leito capilar pulsátil. Tamén se coñece co nome de oximetría de pulso.
 
Ianus- historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde.
 
Pulsioxímetro- aparato que determina a saturación de osíxeno cuantificando a cantidade de luz que é absorbida pola oxihemoglobina do sangue arterial. Para isto, o sensor do pulsioxímetro emite unha luz vermella e outra infravermella que se transmiten a través das unllas, o tecido, o sangue venoso, o sangue arterial e a pigmentación da capa externa da pel. O pulsioxímetro ten un transdutor con dúas pezas: un emisor de luz e un fotodetector. Este está situado no lado oposto, recibe a luz vermella e infravermella e mide só a cantidade de luz que é absorbida pola hemoglobina osixenada e non osixenada do sangue arterial, polo que é necesaria a presenza de pulso arterial para que o aparato recoñeza algún sinal.
A pantalla do pulsioxímetro normalmente mostra o valor da frecuencia cardíaca, a saturación de osíxeno en forma de porcentaxe e unha representación pletismográfica do pulso arterial, que é útil para valorar o preciso que é o dispositivo en detectar o fluxo sanguíneo.
 
Existen diferentes formas e modelos de pulsioxímetros. Baseándose na súa utilización, pódense diferenciar dous tipos:
 
Estáticos- adoitan estar fixos, ben formando parte de sistemas de monitorización complexos, ben como grandes aparatos individuais. Utilízanse ambos, preferentemente, para manter monitorizada a saturación de osíxeno (SaO2) en pacientes con insuficiencia respiratoria. Necesitan conexión á rede eléctrica.
Móbiles- son aparatos pequenos, moi manexables, que se usan preferentemente para exploracións puntuais en consultas e salas de hospitalización ou ben como monitoración temporal en pacientes durante os traslados. Funcionan con pilas ou baterías recargables.
 
Valor normal de saturación de osíxeno- os valores normais de saturación flutúan entre o 95-100 %. Os valores da saturación de osíxeno obtidos mediante pulsioximetría correlacciónanse estreitamente cos valores da gasometría arterial, se o paciente non ten enfermidade vascular periférica e a saturación de osíxeno é superior ao 80%.
Os valores por debaixo do 95 % (en repouso) asócianse con situacións patolóxicas e do 92 % ao 90 % con insuficiencia respiratoria crónica previa.
 

 

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio