Procedemento de adm. de medicación SC

0 comentarios comentarios

Procedemento de adm. de medicación SC

.

​   

  1. Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
  2. Respectar a intimidade do enfermo e gardar confidencialidade dos seus datos.
  3. Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento a realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible, recalcando a súa utilidade, usando unha linguaxe comprensible e resolvendo as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos explicarlle o procedemento aos pais.
  4. Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
  5. Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
  6. Seguindo os cinco principios de administración da medicación verificar: fármaco, dose, vía, hora e paciente correcto. Asegurarse de que non existe contraindicación ou alerxia ao fármaco.
  7. No caso de utilizar un vial multidose, comprobar data de apertura e, no caso de ser utilizado por primeira vez, poñer data e hora de apertura no vial.
  8. Observar que a dilución estea libre de partículas e precipitados.
  9. Administrar o medicamento a temperatura ambiente. Deixaremos uns minutos a temperatura ambiente a medicación que precisa conservación en frío antes da súa administración.
  10. Lavado hixiénico de mans ou uso de solución hidroalcohólica (Grado A Nivel I)
  11. Preparar a medicación para a súa administración de forma individualizada.
  12. Seleccionar a área de inxección: descartar zonas con erosións, cicatrices, radiadas, infeccións ou edematosas.
  13. Colocar en posición axeitada.
  14. Desinfectar a pel, antes da inserir a agulla, con clorhexidina alcohólica en spray (normalmente ao 2%, deixar actuar 30 segundos). No caso de utilizar tintura de iodo-povidona (xeralmente ao 10%, deixar actuar 3 minutos) ou alcohol de 70º (xeralmente alcohol etílico o 70%, deixar actuar 2 minutos); se a presentación non é en spray farase unha desinfección pola técnica de espiral inversa (de dentro cara a fóra). En neonatos e lactantes e recomendable empregar clorhexidina spray <2% (preferentemente o 0,5%).

 

Técnica xeral de inxección subcutánea:

 

  1. Formar un pregue cutáneo superficial (belisco de pel) cos dedos índice e polgar da man non dominante (evidencia nivel IV).
  2. Soster a xiringa coa man dominante e introducir a agulla co bisel cara arriba cun ángulo 90º (evidencia nivel IV) (preferentemente se é insulina). En persoas delgadas con pouco tecido adiposo e nos nenos, pódese administrar cun ángulo de 45º para evitar chegar ao músculo.
  3. Xeralmente non é necesario aspirar, por rutina, no caso de insulina ou heparina.
  4. Non fai falla aspirar ao administrar heparina ou insulina(Grado C). No entanto, no caso de vacinas ou medicamentos subcutáneos que se van inxectar a persoas delgadas ou nenos, podemos comprobar que non esteamos en vea aspirando lixeiramente; se ao aspirar reflúe sangue, retirar a agulla e desbotar a xiringa e medicación, repetir o procedemento.
  5. Esperar uns 5 segundos antes de retirar a agulla e soltar o pregue cutáneo, para axudar a evitar o retroceso da substancia inxectada. Usar unha gasa ou algodón para limpar a gota de sangue ou líquido que poida saír. No é necesario masaxear ou friccionar a pel.
  6. Deixar acomodado o paciente.
  7. Depositar as agullas no contedor de obxectos punzantes.
  8. Lavar as mans ou usar solución hidroalcohólica (Grao A, nivel I)

 

Técnica de punción con agulla de ás (infusión intermitente ou en bolos)

 

  1. É importante a elección do lugar de punción tendo en conta que a agulla permanecerá inserida durante un tempo.
  2. Priorizaremos para a canalización: zonas menos sensibles, con máis tecido subcutáneo e a comodidade do paciente segundo o grao de mobilización e vestimenta.
  3. Purgaremos a “bolboreta” con soro salino ou a solución que se vaia administrar.
  4. Despois da administración da medicación proceder ao lavado da vía con soro salino para asegurar a entrada de todo o fármaco (unha “bolboreta” púrgase con 0,2-0,3 ml).
  5. Asegurar o catéter e seu alongador (protexendo a pel para evitar úlceras por presión).
  6. O punto de inserción quedará sempre visible protexido cun apósito transparente (Grado A Nivel I)
  7. Deixar acomodado o paciente.
  8. Tras retirar a agulla, depositar no contedor de obxectos punzantes.
  9. Retirar as luvas.
  10. Lavar as mans ou usar solución hidroalcohólica (Grado A Nivel I).

Fixación sc.JPG

Técnica de punción de catéter para a terapia con infusión subcutánea continua de insulina (ISCI) ou bomba de insulina

 

  1. Lavado hixiénico de mans ou uso de solución hidroalcohólica (Grado A Nivel I).
  2. Preparar o material necesario e medicación para a súa administración de forma individualizada.
  3. Desinfectar a pel, antes da inserir a agulla, con clorhexidina alcohólica en spray (normalmente ao 2%, deixar actuar 30 segundos). No caso de utilizar tintura de iodo-povidona (xeralmente ao 10%, deixar actuar 3 minutos) ou alcohol de 70º (xeralmente alcohol etílico o 70%, deixar actuar 2 minutos); se a presentación non é en spray farase unha desinfección pola técnica técnica de espiral inversa (de dentro cara a fóra). En neonatos e lactantes e recomendable empregar clorhexidina spray <2% (preferentemente o 0,5%).
  4. Purgar o alongador do catéter ata que vexamos a saída de insulina ao exterior.
  5. Introducimos a cánula no aplicador destinado para a inxección.
  6. A cánula quedará introducida no tecido subcutáneo de forma automática ao pulsar o botón do aplicador.
  7. Purgar a cánula coas unidades indicadas.
  8. Conectar o catéter á bomba.
  9. Non é necesario asegurar o apósito xa que queda pegado directamente co inseridor.
  10. Non e necesario asegurar o alongador xa que permite maior mobilidade e cambios do lugar onde se leva a bomba.

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde