Procedemento de osixenoterapia

Procedemento de osixenoterapia

.

Procedemento

  1. Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
  2. Respectar a intimidade do enfermo e gardar a confidencialidade dos seus datos.
  3. Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que se vaia realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible, recalcando a súa utilidade, usando unha linguaxe comprensible e resolvendo as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos, explicarlles o procedemento aos pais (Grao B).
  4. Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
  5. Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.
  6. Preparar o material que se vaia utilizar.
  7. Lavar as mans con auga e xabón ou solución hidroalcohólica (Nivel I).
  8. Colocar o paciente na posición adecuada. Dado que a osixenación se reduce na posición supina, os pacientes hipoxémicos que se atopen conscientes deberían manterse na posición mais elevada posible, salvo que exista contraindicación (Grao C).
  9. Comprobar a permeabilidade da vía aérea. Se fose necesario, aspirar as secrecións seguindo o procedemento correspondente.
  10. Medir a frecuencia respiratoria.
  11. Valorar a coloración da pel e das mucosas.
  12. Conectar o caudalímetro á fonte de osíxeno e, se é preciso, axustar o frasco humidificador. Este encherase ata 2/3 da súa capacidade con auga destilada estéril.
  13. Conectar un extremo da alargadeira ao frasco humidificador e o outro ao dispositivo para administrar o osíxeno indicado.
  14. Abrir o caudalímetro ata acadar o fluxo de osíxeno prescrito e elevar a boliña do caudalímetro ata o punto apropiado na escala graduada.
  15. Comprobar a efectividade do sistema.
  16. Procederase segundo o dispositivo que se utilice.
  • Cánula nasal. Pedirlle ao paciente que asoe o nariz. Colocar a cánula de xeito que as dúas sondas se axusten en cadansúa fosa nasal. Introducir as dúas sondas da cánula cada unha na súa fosa nasal. Pasar os tubos por enriba das orellas do paciente cara á barbela e axustalos baixo esta co pasador. Comprobar que non producen presións nin molestias.
  • Máscara simple. Situar a máscara sobre o nariz, a boca e o queixo do paciente. Pasar a cinta elástica por detrás da cabeza. Adaptar a máscara á cara do paciente segundo as instrucións do fabricante. Deixala axustada á cara, pero sen facer presión.
  • Máscara tipo Venturi. Colocar igual que a anterior. Seleccionar no dispositivo de regulación da concentración de O2 a FiO2 que se desexa administrar. Neste mesmo dispositivo aparece indicado o fluxo de O2 que se ten que seleccionar no caudalímetro para acadar a FiO2 desexada (Ver o anexo “Fracción inspirada de O2”).
  • Administración a través de traqueotomía. Colocar o dispositivo de administración de osíxeno para a traqueotomía e evitar a tracción na traquetomía. A máscara debe limparse cada 4 horas con auga porque as secrecións acumuladas poden producir infeccións no estoma.
  • Carpa de osíxeno (en pediatría). Colocar a carpa cubrindo a cabeza do neno e evitando decúbitos na cara e nos ombros do paciente. Colocar o extremo do tubo de osíxeno dentro da carpa e fixalo a esta con esparadrapo, co fin de evitar que o fluxo saia directamente aos ollos do neno. Abrir lixeiramente as fiestras da carpa para evitar a acumulación de CO2. Vixiar a aparición de humidade na roupa do neno e cambiala cando sexa preciso.