Procedemento - Aspiración de secrecións vía respiratoria baixa

Procedemento - Aspiración de secrecións vía respiratoria baixa

.

​- Comprobar a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.

- Respectar a intimidade do enfermo e gardar a confidencialidade dos seus datos.

- Informar o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que debe realizar e solicitarlle a súa colaboración, se é posible. Hai que salientar a súa utilidade, utilizar unha linguaxe comprensible e resolver as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos, cómpre explicarlles o procedemento aos pais (Grao B. Nivel de evidencia III)

- Solicitar o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible. (Grao B. Nivel de evidencia III)

- Identificar os profesionais sanitarios que van intervir no procedemento.

- Comprobar se o paciente ten alerxias.

- Colocar o paciente en posición axeitada, sempre que non estea contraindicado e que sexa posible:

             ASPIRACIÓN VÍA ORAL: posición semifowler coa cabeza ladeada.
             ASPIRACIÓN ENDOTRAQUEAL: posición semifowler.


- Verificar a fixación do tubo endotraqueal (TET), se é o caso.

- Realizar a hixiene de mans (Categoría IA. Nivel de evidencia I) e poñer luvas non estériles.

- Dispor o material necesario.

- Comprobar o correcto funcionamento do equipo e a regulación da presión.

- Abrir o paquete estéril da sonda de aspiración e, sen retirala do envoltorio, proceder a conectala ao tubo de aspiración.

- Regular a aspiración á presión negativa apropiada segundo o tipo de paciente:
          

           NEONATOS: 60-80 mm Hg.
           BEBÉS: 80-100 mm Hg

           NENOS: 100-120 mm Hg.
           ADOLESCENTES/ADULTOS:100-150 mm Hg (Grao B).


- Dispor da sonda segundo a técnica a realizar.

- Aspiración de secrecións


ASPIRACIÓN DE SECRECIÓNS SISTEMA ABERTO

- Realizar a hixiene de mans e poñer luvas estériles. (Nivel I)
- Se está indicado, empregar os equipos de protección individual. (Nivel IV).
- Elixir o calibre axeitado da sonda: o tamaño da sonda de aspiración ten que ser menor da metade do diámetro interno do tubo endotraqueal. (Recomendación forte. Nivel de evidencia alto).
- Osixenar previamente o paciente polo menos durante un minuto. (Grao de recomendación forte. Nivel de evidencia alto).
- Retirar a sonda do envoltorio coa man dominante, manter en todo momento a esterilidade e conectar ao tubo de aspiración coa man non dominante.
- Se o paciente está conectado ao respirador, hai que desconectalo previamente.
- Introducir a sonda ata a carina suavemente e en liña co tubo, sen aspiración, e retirar 1 cm aproximadamente. Non avance se nota resistencia.
- Ocluír o orificio de succión e aspirar de forma intermitente durante 10-15 segundos (Grao B) con movementos rotatorios suaves e, asemade, ir retirando a sonda.
- Repetir o procedemento se é necesario, de maneira que se deixe descansar o paciente entre aspiración e aspiración e que se empregue unha nova sonda estéril por cada aspiración. Non se debe facer máis de tres veces e recoméndanse aspiracións pouco profundas. (Grao B. Nivel de evidencia moderado).
- Despois de cada aspiración, lavar o tubo conector con auga de lavado para evitar obstrucións.
- Pechar o sistema de aspiración. Desbotar a sonda.
- Colocar comodamente o paciente e avaliar o seu estado cardiopulmonar se precisa hiperosixenar e valorar a efectividade da técnica.
- Quitar as luvas e realizar a hixiene de mans.

 

ASPIRACIÓN DE SECRECIÓNS SISTEMA CERRADO
 
- Realizar a hixiene de mans e colocar luvas estériles. (Nivel I).
- Se está indicado, empregar os equipos de protección individual (NivelIV).
- Elixir o calibre axeitado da sonda: o tamaño da sonda de aspiración ten que ser menor da metade do diámetro interno do tubo endotraqueal. (Recomendación forte. Nivel de evidencia alto).
- Osixenar previamente o paciente polo menos durante un minuto. (Grao de recomendación forte. Nivel de evidencia alto).
- Retirar a sonda do envoltorio e o tapón protector e intercalar o sistema entre o TET e a conexión do respirador.
- Axustar o tubo ou a goma de aspiración tras a válvula de aspiración.
- Xirar a válvula de control ata a posición de aberto e introducir a sonda a través do TET cos dedos índice e polgar da man dominante, e o manguito de plástico colapsarase.
- Introducir a sonda ata a carina suavemente e en liña co tubo, sen aspiración, e retirar 1 cm aproximadamente. Non avance se nota resistencia.
- Aspirar facendo presión sobre a válvula de aspiración e retirar suavemente o catéter.
Aspirar de forma intermitente durante 10-15 segundos (Grao B).
- Xirar a válvula de control ata a posición de pechado. Pechar soamente a válvula de control do paciente se a marca negra está totalmente visible.No orificio de irrigación colocar a xiringa de 20 ml con soro fisiolóxico, facer presión sobre a válvula de aspiración e lavar. Repetir o procedemento ata que o catéter estea limpo.
- Repetir o procedemento se é necesario, de maneira que se deixe descansar o paciente entre aspiración e aspiración. Non se pode realizar este procedemento máis de tres veces e recoméndanse aspiracións pouco profundas. (Grao B). Nivel de evidencia moderado).
- Colocar comodamente o paciente, avaliar o seu estado cardiopulmonar e se precisa hiperosixenar e valorar a efectividade da técnica.
- Quitar as luvas e realizar a hixiene das mans.