Procedemento. Manexo da Pulsioximetría

0 comentarios comentarios

Procedemento. Manexo da Pulsioximetría

..

  

  1. Comprobe a identidade do paciente, segundo o procedemento de aplicación no Servizo Galego de Saúde.
  2. Respecte a súa intimidade e garde a confidencialidade dos seus datos.
  3. Informe o paciente e/ou o coidador principal do procedemento que se lle vai realizar e solicítelle a súa colaboración: se é posible, recalque a súa utilidade. Use unha linguaxe comprensible e resolva as súas dúbidas e temores. No caso de pacientes pediátricos, explíquelles o procedemento aos pais/titores.
  4. Solicite o seu consentimento de forma verbal, sempre que sexa posible.
  5. Observe se o paciente ten terapia de osíxeno.
  6. Comprobe as posibles alerxias do paciente aos adhesivos.
  7. Realice a hixiene de mans.
  8. Seleccione o lugar adecuado para a colocación dos sensores de pinza ou adhesivos: ben vascularizado, coa pel limpa e íntegra, libre de graxa e sen prominencias óseas. En xeral, escóllese a xema do dedo da man ou do pé, o lóbulo da orella, a fronte ou unha zona da parede costal; preferentemente, utilízanse as dúas primeiras. Nos neonatos pódese utilizar o dorso do pé ou da man; en lactantes e preescolares e escolares, os dedos índice, medio ou anular. En caso de dúbidas sobre a zona que escolleu, controle o pulso proximal e o enchemento capilar.
  9. Elimine as xoias ou a roupa axustada, segundo proceda.
  10. Elimine o esmalte de uñas, a graxa e/ou a suor, segundo proceda.
  11. Dea masaxes na zona seleccionada para quentala, se for preciso.
  12. Escolla o sensor adecuado segundo o peso do paciente, o grao de actividade, a perfusión do paciente, as zonas dispoñibles e o tempo que se espera que dure a monitorización. Xeralmente, os pacientes neonatos, os lactantes e os preescolarse e escolares requirirán un sensor tipo adhesivo, mentres que nos adultos se pode optar por un sensor adhesivo ou un sensor de pinza de dedo. Se se prevé que a duración da monitorización vai ser inferior a 10 minutos, nos adultos ou cando o paciente que se vai monitorar está inmóbil, recoméndase o uso dun sensor de pinza.
  13. Coloque o sensor sen que haxa ningún espazo entre este e a pel e comprobe que os dous lados (o emisor de luz e o fotodetector) están un fronte do outro. No caso de escoller o dedo para medición, deberá colocar o fotodíodo emisor de luz (luz vermella) cara ao leito ungueal e o fotodíodo receptor (que non emite luz) no extremo totalmente oposto (en liña paralela), cara á polpa do dedo.
  14. Acenda o pulsioxímetro; pasados dez segundos, aparece a SaO2 e a frecuencia cardíaca na pantalla.
  15. Verifique os niveis das alarmas superior e inferior para a saturación de osíxeno e a frecuencia cardíaca, se a monitoración é continua.
  16. Confirme que haxa fluxo pulsátil na zona de aplicación e que non teña un movemento excesivo.
  17. Indíquelle ao paciente que debe manter o dedo quieto para reducir os artefactos de movemento e que se percibe que o pulsioxímetro está apertado de máis, debe comunicalo.
  18. Deixe o sensor colocado o tempo suficiente para obter lecturas consistentes.
  19. Se se detecta unha lectura baixa, volva a comprobar a posición do sensor, valore a perfusión distal e a forma de onda.
  20. Deixe o paciente en posición cómoda e adecuada, de forma que poida acceder facilmente ao timbre e aos seus obxectos persoais.
  21. Realice o lavado hixiénico de mans.
  22. Rexistre os valores obtidos e as accións realizadas.

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde